Un autobús percorrerá Galicia e outras comunidades na procura de sinaturas para que a Ribeira Sacra se converta en Patrimonio da Humanidade
O autobús promocional, rotulado con imáxenes da Ribeira Sacra, percorrerá no que quede de ano e no 2014, toda a xeografía galega e parte da española buscando sinaturas que apoien a candidatura. O autobús levará material informativo sobre a bisbarra para dar a coñecer os encantos e segredos deste paraíso natural.
No acto de presentación, levado a cabo na Praza de San Marcos de Lugo, estiveron representantes das distintas entidades, ademais do alcalde da cidade, D.José López Orozco e outras personalidades dalgúns concellos que forman parte da Ribeira Sacra.
Sendo conscientes de que será un camiño longo, o presidente da Deputación Provincial, D. José Ramón Gómez Besteiro, anima a “traballar xuntos”, tanto á administración como á cidadanía, facendo fincapé en que “a unidade” será clave para acadar a meta.
Pola súa parte, D. José López Orozco mostrouse seguro de que este obxectivo se vai conseguir entre todos, indicando que a Ribeira Sacra ten todo o preciso para ser Patrimonio da Humanidade.
A responsable da área de Marketing de Monbus, Dna. Alba López Novoa, fai referencia á vocación da empresa por “unir ás persoas, familias, vilas e países”, motivo polo cal, non dubidaron nin un momento en unirse, xa que achegará a bisbarra ao resto do mundo.
A Ribeira Sacra “Patrimonio Da Humanidade”: unha meta, unha ilusión, un soño que, entre todos, se pode facer realidade.