O Monbus Obradoiro dá a cara co Barça
O Monbus Obradoiro abriu a tempada 2019/2020 cun duelo de altura ante o Barça. O conxunto obradoirista non se engurrou diante do todopoderoso conxunto azulgrana, que acabou resolvendo o duelo nos minutos finais para impoñerse por 86 a 92.
Os visitantes impuxeron un ritmo alto ao partido desde o inicio. O Monbus Obradoiro soubo responder á intensidade e ao acerto de Mirotic cos primeiros escintileos de Dejan Kravic e Chris Czerapowicz en partido oficial (18-18).
Apareceu tamén Kostas Vasileiadis no segundo cuarto para deixar a súa pegada, liderando o ataque xunto a Vladimir Brodziansky e Fletcher Magee. Entre os tres encargáronse de contrarrestar o poderío do xogo interior do Barça (43-46).
Tras o descanso, o partido mantivo a intensidade e a igualdade. Tan só nos instantes finais do terceiro parcial puido o Barça poñer terra polo medio no marcador. Os de Moncho Fernández reaccionaron desde o triplo para deixar todo por decidir (60-67).
Con tres triplos practicamente seguidos, o Monbus Obradoiro igualou o partido no arranque do último cuarto. Chegaron os locais mesmo a poñerse por diante no resultado, pero as perdas e as faltas persoais acabaron por decidir un partido no que o conxunto obradoirista mereceu máis.