O Monbus Obradoiro triunfa en Burgos
O Monbus Obradoiro camiña con paso firme cara ao seu obxectivo da permanencia e con vitorias como a conseguida ante San Pablo Burgos (76-84) está cada vez máis preto de conseguilo.
O conxunto santiagués tivo a Ben Simons como referente na súa visita á cancha burgalesa. O aleiro norteamericano anotou 10 triplos decisivos no resultado final e igualou a mellor marca dun xogador do Monbus Obradoiro na liga Endesa, mérito que comparte co seu compañeiro Kostas Vasileiadis.
No arranque do partido o equipo dirixido por Moncho Fernández mostrouse máis sólido que o seu rival e iso permitiulle tomar vantaxe. Simons iniciou o seu recital de triplos con catro acertos mentres que do xogo interior encargábanse Nacho Llovet e Vladimir Bordziansky (18-27).
No inicio do segundo cuarto os locais voltearon o marcador e mesmo chegaron a gozar dunha renda de cinco puntos, pero de novo o tiro exterior do Monbus Obradoiro nivelou o resultado. Ao descanso quedaba todo por decidir (44-47).
Na continuación o partido subiu en intensidade e os dous equipos buscaron o aro con insistencia. Nick Spires e Kostas Vasileiadis lideraron a faceta ofensiva no terceiro parcial mentres o marcador cambiaba de mans constantemente (65-62).
Cando o seu equipo máis o necesitaba apareceu outra vez Ben Simons. O americano liderou a remontada con tres triplos practicamente consecutivos que noquearon ao equipo local. Co resultado a favor, o Monbus Obradoiro xogou mellor as súas cartas nos minutos finais e conseguiu levar unha merecida vitoria.