Monbus incorporará dous novos autobuses á rede Exprés.cat en pro da mellora do servizo de transporte entre Igualada e Barcelona
Dende o pasado 3 de xuño e respondendo ás demandas dos usuarios, a rede Exprés.cat vese fortalecida coa incorporación de novos servizos directos na liña de autobús interurbano Igualada - Barcelona (e5) coa adquisición de dous novos vehículos que funcionarán de luns a venres.
Deste xeito preténdese mellorar a frecuencia de paso en horas punta e reducir o tempo da viaxe no corredor coa media de ocupación máis alta de Catalunya. O novo servizo directo de autobús Igualada - Barcelona (e5) aumenta a frecuencia de paso en horas punta (20 minutos entre cada expedición) e reduce ata 40 mn o tempo do traxecto respecto ao servizo convencional, chegando a alcanzar os 50 mn a duración total da viaxe sen paradas en condicións de tráfico normais.
A través desta medida, engadíronse 12 expedicións directas, sen paradas (6 con destino Barcelona e 6 con destino Igualada), que sumadas ás 8 xa existentes (6 con destino Barcelona e 2 con destino Igualada) resultan nun total de 20 expedicións directas diarias. A todo iso hai que engadir os 92 servizos diarios de liñas convencionais, dos cales 22 teñen punto de paso pola localidade de Capellades. En total 111 expedicións entre ambas localidades e 3 reforzos directos con destino á cidade de Barcelona, todas elas con frecuencia diaria.
Con esta medida preténdese mellorar a calidade do servizo nun entorno no que o obxectivo de cumprir as expectativas de todos os usuarios é realmente complicado. Isto débese á desigual concentración de viaxeiros neste corredor en diferentes momentos do día, marcada por grandes flutuacións entre horas punta e horas de menos afluencia. Ata 800 viaxeiros adicionais poderán viaxar nas horas de maior afluencia, o que permite alcanzar unha cifra aproximada de 9000 prazas diarias dispoñibles entre ambas localidades.
As persoas que cada día recorren a este medio de transporte por motivos de traballo ou estudos, fan unha valoración moi positiva do incremento de servizos directos, xa que, con iso, gañan un tempo moi valioso para o desenvolvemento das súas tarefas cotiás.
A rede Exprés.cat ten previsto mellorar a sinalización e información das marquesiñas e poñer en marcha unha segunda fase, a partir do 2014, na que posiblemente se incorporen novos autobuses.