O Obradoiro continúa invencible na casa
O Río Natura Monbus Obradoiro continúa coa súa racha de sorte en casa; con esta suman 3 vitorias consecutivas no Fontes Do Sar, esta vez fronte ao GBC Gipuzkoa Basket Club cun resultado final de (81-68).
Os de San Sebastián entraron fortes no partido, fronte a un Obradoiro ao que aínda lle pesaba a derrota fronte ao Valencia. O GBC mostrouse excepcional, tanto en ataque como en defensa, manténdose con vantaxe no marcador ata o descanso.
Os de Moncho Fernández aproveitaron a pausa para recapacitar na súa estratexia e Adam Waczynski saiu como un terremoto, demostrando o motivo polo cal foi o MVP da terceira xornada e extasiando á bancada abarrotada da afección Obradoirista.
Porén, o home do partido foi Tyler Haws, con 19 puntos e 22 de valoración, fortalecendo moito o ataque no segundo tempo.
O Río Natura Monbus Obradoiro recuperou a súa vantaxe e logrou unha vitoria nada fácil, xa que o GBC non deixou de loitar ata o final. Sen dúbida, a xornada 5 da Liga Endesa foi a vitoria máis traballada no Multiusos Fontes do Sar e os galegos celebrárona como se merecía, no centro da cancha.
Destacable a asistencia conseguida, sobre todo na tribuna 2 sur, na bancada Monbus, cun total de 5.115 espectadores entregados por completo ao xogo.
O #Camiñodailusion continúa, preparándose xa para o seguinte desafío contra o FC Barcelona Lassa.