Grandes descontos no abono do Obradoiro
Para ver xogar na cancha aos mellores da Liga Endesa a próxima tempada non será necesario desembolsar grandes sumas de diñeiro. Grazas ao mantemento dos prezos do ano pasado e aos numerosos descontos para facerse socio do Río Natura Monbus Obradoiro, non haberá escusa para non animar na “Caldeira do Sar” durante todo o ano ao equipo santiagués.
Os socios do Complexo Deportivo do Multiusos gozarán dun 10% de desconto (non acumulable), un 5% os antigos abonados, e a renovación do abono do ano anterior implicará tamén un 10% de aforro se se realiza antes do 31 de agosto. Máis vantaxoso será o desconto de accionista (do 30%), e ademais os maiores de 65 anos, os menores de 18, os estudantes menores de 25 anos, os desempregados de longa duración, os federados do baloncesto e as persoas con cadeira de rodas terán prezos especiais.
A amizade tamén leva premio, xa que convencer a un novo afeccionado para que se abone será recompensado cun 10% para o abonado e un 5% para o recomendado. Este desconto é ademais acumulable, polo que aqueles que consigan convencer a máis amigos poderían chegar a disfrutar do baloncesto con maiúsculas de forma totalmente gratuíta.
Outra modalidade de desconto da que se poderán beneficiar os afeccionados será a aportación de alomenos 130 euros á Fundación Heracles, recibindo a maiores doutros descontos 50 euros menos durante tres tempadas consecutivas no abono, preferencia na compra de abonos da Copa do Rey A Coruña 2016 e deduccións na declaración da renda.
Ademais o clube mantén os prezos tanto para os socios en todos os sectores do pavillón como para as familias (con abonos de tres membros, catro ou cinco, xa que para máis de cinco membros é gratis). Para unha información máis detallada, pódense consultar os prezos e os descontos dispoñibles na páxina web do Río Natura Monbus.