Éxito do Grobus este verán no Grove
Dende o pasado 14 de xullo, Monbus, en colaboración coa Asociación de Hostalaría do Grove, pon en marcha un servizo de autobús circular que percorre os lugares destacados do municipio. Baixo o lema “Súbete ao Grobus e veranea”, a iniciativa ofrece un servizo de transporte alternativo na localidade.
Os 20 kilómetros de traxecto inícianse na Estación de Autobuses da localidade ás 11 da mañá, estendéndose o servizo ata as 6 da madrugada do día seguinte. Cunha duración de percorrido completo de 45 minutos, 20 paradas e 12 frecuencias diarias, o Grobus facilita o desprazamento de viaxeiros, chegando incluso á Illa da Toxa en 3 dos 12 horarios de paso.
Outro dos aspectos sinalados é a posibilidade de bonificación do prezo do billete ao realizar unha compra mínima nos distintos establecementos asociados. O billete, que ten un prezo único de 1€, permite realizar o percorrido completo e pode adquirirse en calquera dos negocios participantes, con posibilidade de compra no propio autobús cun suplemento de 0,40 €, sendo entón o total de 1,40€.
Cámpings, hoteis, museos, restaurantes, taperías, pubs e cafeterías engrosan a listaxe de establecementos que se unen a esta iniciativa vixente ata o 31 de agosto, de modo que se facilita a mobilidade na época de maior afluencia turística.
Dende a súa posta en marcha, a iniciativa tivo unha moi boa acollida, sendo arredor duns 2.500 usuarios, entre turistas e habitantes, os que se beneficiaron das vantaxes deste novo servizo de mobilidade. Non sorprende en absoluto nun bus turístico que as frecuencias máis utilizadas coincidan cos horarios de chegada e regreso das praias, 11 da mañá, 5 e 8 da tarde, así como, en horario nocturno, as 2 da madrugada sexa a hora punta en canto á ocupación.
Apenas 3 semanas foron necesarias para constatar o éxito dun novidoso transporte que na súa aposta por ofrecer un mellor servizo, e atendendo suxestións recibidas, incorporará a posibilidade de viaxar comodamente con mascotas, para o cal Monbus acondicionará a bodega do autobús co equipamento homologado a tal efecto.
Ademais deste novo servizo, Monbus ofrece as súas liñas regulares con destino a O Grove, A Toxa e entre O Grove - San Vicente. De igual modo, a empresa completa a súa oferta coa posibilidade de alugar vehículos con condutor e sen condutor.