Monbus mellora o seu sistema de reservas
A partir do 11 de outubro, as persoas usuarias do sistema de reserva garantida de Monbus para as tarxetas TMG e Xente Nova poderán facer as súas reservas de praza online ata unha hora antes da saída do autobús. Este prazo, que antes era de 12 horas de antelación, reducirase tamén para as modificacións e anulacións das reservas xa realizadas. Aquelas persoas usuarias que planifiquen a súa viaxe con máis tempo terán de prazo ata dúas horas antes da saída do autobús para facer calquera modificación ou, de ser o caso, para anular a reserva e deixar o asento libre se finalmente non poden viaxar.
Con esta redución dos prazos, as persoas usuarias poderán planificar as súas viaxes con maior facilidade, tendo moita máis marxe para decidir en que servizo desexan viaxar, e aproveitarán igualmente os descontos dispoñibles. Do mesmo xeito, evitarán as colas nos despachos de billetes e poderán dirixirse directamente á zona de embarque coa súa reserva feita, sen ter que facer ningún trámite máis.
Acceso ao sistema de reservas
Para realizar unha reserva, as persoas interesadas tan só teñen que darse de alta no sistema de reservas TMG / TMGXN na páxina web de Monbus. Unha vez completado o rexistro, deberán buscar a viaxe e completar os pasos ata obter un xustificante que deben mostrar directamente no embarque. Antes de subir ao autobús, o usuario ten que pasar a tarxeta pola máquina validadora para pagar a súa viaxe e se lle aplique o desconto. A alta no sistema implica unha fianza de 10€ para disuadir do uso indebido do sistema de reserva por parte dos usuarios e así evitar posibles prexuízos ao resto de viaxeiros.
A reserva está dispoñible para diferentes relacións de tráfico pertencentes ás concesións XG614, XG623, XG802 e XG817 do Novo Plan de Transporte da Xunta de Galicia, entre as que destacan:
- Ferrol - Santiago
- A Coruña - Santiago
- Santiago - Pontevedra - Vigo
- Vigo - Ourense
- Pontevedra - Ourense
- Vigo - Pontevedra - Lugo
- Santiago - Lugo
- Ourense - Lugo
- Santiago - Lalín - Ourense
- Ourense - Xinzo
Dispositivo especial
O incremento de pasaxeiros nas liñas regulares de transporte de Galicia supuxo para Monbus a posta en marcha dun dispositivo especial co que facer fronte á alta demanda, mobilizando expedicións extraordinarias e dotando aos servizos máis demandados de vehículos de gran capacidade.
Este aumento de viaxeiros rexistrado nas últimas semanas nas rutas do transporte regular galego, segundo informou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, é o resultado da recuperación total de viaxeiros trala pandemia, os incentivos económicos ao trasporte público e o transbordo de viaxeiros do tren ao autobús por falta de prazas que afectaron dun xeito extraordinario ao funcionamento habitual das liñas, sobre todo daquelas que conectan as grandes cidades galegas.
Ante esta situación, Monbus mantivo sempre unha filosofía de traballo na que prevalece ofrecer todos os recursos dispoñibles co fin de atender este incremento de pasaxeiros, pero a dispoñibilidade de persoal de condución é un condicionante que marca a xestión dos servizos. E o reto aumenta especialmente nos últimos servizos da noite dos domingos, xa que ao día seguinte as saídas comezan a primeira hora da mañá e limitan aínda máis a disposición de persoal.