Monbus inicia o servizo de transporte entre Murcia e as súas pedanías
Monbus iniciará este venres 3 de decembro a prestación do servizo de transporte entre Murcia e as súas pedanías para os próximos dous anos, a través dunha UTE composta polas empresas Castromil S.A.U., Alcalabus S.L. e A Hispano Igualadina S.L.
A presentación do servizo tivo lugar esta mañá na Praza de Belluga nun acto ao que acudiron Juan Antonio Montoya, director xeral de Monbus e Andrés Brugarolas, xerente de Monbus en Murcia, xunto a José Antonio Serrano, alcalde de Murcia, e Carmen Fructuoso, concelleira de Movilidad Sostible e Limpeza Viaria.
Entre as principais novidades que Monbus levará a cabo na posta en marcha do servizo atópase a renovación dos autobuses. A frota de vehículos que unirá Murcia e as súas pedanías renovarase case ao completo, cunha imaxe corporativa propia.
As liñas actuais do servizo seguirán sendo as mesmas, mantendo a súa numeración, aínda que algunha delas sufrirá modificacións no seu percorrido co obxectivo de ofrecer un transporte adaptado ás necesidades da cidadanía.
As tarifas actuais tamén se manteñen, do mesmo xeito que o Bono Murcia Tricolor que seguirá funcionando con normalidade en todas as súas modalidades (Xeral, Estudante, Familia Numerosa e Bono-100).
Toda a información sobre o servizo (liñas, paradas, horarios, tarifas e bonos) estará dispoñible na páxina web www.tmpmurcia.es. Ademais, todas as persoas usuarias que desexen máis información poderán contactar a través do teléfono de información (968 25 00 88) ou a través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).
Novo modelo de transporte
Este novo contrato pasará a ser de competencia municipal xa que, ata o de agora, era o goberno autonómico o que xestionaba o transporte público entre o centro urbano e as pedanías de Murcia.
O obxectivo final deste cambio na xestión é unificar, de fronte ao 2023, os tres servizos de transporte público actuais (transporte urbano, pedanías e tranvía), creando así un novo modelo de transporte agrupado baixo o mesmo nome: TMP, Transporte de Murcia e Pedanías.
Máis presenza nacional
Coa súa chegada a Murcia, Monbus reforza a súa presenza a nivel nacional onde Galicia e Cataluña continúan sendo os seus dous grandes centros de actividade. Ao mesmo tempo, os autobuses de Monbus seguen circulando por todo o norte peninsular e desde Estremadura a Madrid con servizos de longo percorrido, do mesmo xeito que en Andalucía onde conecta Sevilla con poboacións como Xerez, Alxeciras ou Écija.