O Río Natura Monbus vence ao Unicaja
Nunha xornada marcada pola homenaxe ao gran capitán Oriol Junyent, o Río Natura Monbus Obradoiro ofreceu á súa afición un gran partido, que acabou cunha xusta victoria ante o Unicaja de Málaga, grazas a unha segunda metade antolóxica e un Waczynski que se consolida como un dos xugadores máis destacados da segunda volta.
Cos ollos humedecidos e ante un público entregado, Oriol Junyent afirmou que “para todo deportista que lle retiren a súa camiseta é un momento moi especial. Grazas por deixarme formar parte desta familia. Sodes a mellor afición de España. ¡Ata sempre!”. A camiseta número 15 forma parte, dende onte, do patrimonio do Multiusos do Sar e da súa afición.
No deportivo, o Unicaja marcou un ritmo vertixinoso no arranque do choque, con Ryan Toolson facendo dano dende o perímetro. Kleber cun mate colosal tras rebote enfervorizou a continuación ao público do Multiusos Fontes do Sar.
A loita intensa de apoderou do encontro posteriormente, coa lesión nun ollo de Alberto Corbacho como nota negativa. Waczynski asumiu o peso do partido fronte a un Unicaja dubitativo, ata conseguir que o equipo santiagués se alzase coa vitoria con brillantes números: 24 puntos, 6 rebotes e 3 asistencias, para un total 30 puntos de valoración.
O resultado final, Río Natura Monbus Obradoiro 78 - Unicaja 66, sitúa ao Obradoiro no seu triunfo número catorce, logrando así o segundo mellor rexistro da súa historia, aínda a falta de tres xornadas para o final da fase regular de liga e co obxectivo da permanencia asegurado.