Descobre as vantaxes de viaxar coa TMG e a TXN
Xa podes gozar das vantaxes e bonificacións de viaxar coa Tarxeta Metropolitana de Galicia e a Tarxeta Xente Nova, dous sistemas de pago dispoñibles nos autobuses de Monbus en Galicia.
A TMG é unha tarxeta moedeiro destinada a pagar o importe do billete nos servizos do Plan de Transporte de Galicia. A persoa usuaria carga a súa tarxeta co importe que desexe e de aí vaise descontando o prezo das viaxes que vaia realizando. Para poder obtela é necesario acudir a unha oficina de ABANCA onde se recibirá no momento tras o pago de 2€. Tras isto, poderase recargar nos caixeiros da entidade bancaria cun mínimo de 5€.
Con este método de pago podes gozar de diferentes tarifas e descontos en función de se o traxecto realizado está dentro ou fóra dalgunha das Áreas metropolitanas de Galicia.
- Desconto desde un 30% segundo o número de saltos da viaxe dentro da mesma área metropolitana. Inclúen bonificacións polo número de viaxes realizadas ao mes.
- Un 10% de desconto no prezo do billete en traxectos fóra das áreas metropolitanas. Inclúe ademais bonificacións de ata un 50% de desconto por recorrencia.
Doutra banda tamén pode utilizarse a TXN, que a diferenza do método de pago anterior, está destinada a mozos de entre 4 e 21 anos permitíndolles viaxar de maneira gratuíta nos servizos incluídos no Transporte Metropolitano de Galicia. Actualmente esta bonificación está tamén vixente na área de Pontevedra, en toda a provincia de Ourense e progresivamente irase implantando en toda Galicia.
Para a súa solicitude, a persoa usuaria deberá pedir a súa cita aquí e posteriormente acudir á oficina de ABANCA elixida para a súa tramitación. Se a persoa que viaxa é maior de idade só necesitará o seu DNI; en caso de ser menor de idade, deberá ser o pai, nai ou titor legal quen realice a recollida achegando o seu DNI, o DNI do menor e o libro de familia.
Do mesmo xeito que a TMG, a Tarxeta Xente Nova ofrece diferentes bonificacións en función de se o traxecto realizado está dentro ou fóra dalgunha das Áreas metropolitanas de Galicia.
- Dentro de área metropolitana as persoas usuarias poden viaxar de balde en traxectos con orixe e destino dentro de una mesma área metropolitana. Actualmente tamén bonifica as viaxes interurbanas realizadas na área de Pontevedra (Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cercedo-Cotobade e A Lama) e en toda a provincia de Ourense.
- Fóra da área metropolitana o traxecto ten un desconto do 10%.
- Bonificacións por recorrencia e transbordo.
Calquera persoa que necesite información, pode solicitala por teléfono (982 29 29 00), email (info@monbus.es) ou a través das redes sociais (Facebook, Twitter, e Instagram).