O Monbus Obradoiro queda sen premio
O Monbus Obradoiro non puido prolongar o seu bo momento tras caer ante o Real Madrid (84-77) no encontro aprazado correspondente á quinta xornada da Liga Endesa. O conxunto obradoirista callou un gran partido na súa visita á pista madrileña pero quedou finalmente sen premio.
Tras uns primeiros compases de pouco acerto no tiro, ambos os equipos empezaron a entoarse de fronte ao aro. O Monbus Obradoiro castigou ao seu rival desde a liña de 6,25 cun Kassius Robertson especialmente acertado. O escolta canadense anotou tres triplos consecutivos que outorgaron ao Monbus Obradoiro a súa primeira vantaxe no partido (23-25).
A actuación de Robertson alcanzou o nivel de exhibición no segundo cuarto, tras anotar doce puntos e errar un só lanzamento dos sete que tentou. Grazas á súa puntería o Monbus Obradoiro mantívose por diante no marcador (40-44).
Tras o intermedio, dous triplos de Laurynas Beliauskas deron ao Monbus Obradoiro unha renda de oito puntos, a máxima no encontro. Nese momento, unha dobre técnica deixou a Moncho Fernández fose do partido. Os seus xogadores pareceron acusar o golpe e o Real Madrid aproveitou estes minutos de incerteza para darlle a volta ao resultado (61-54).
O encontro parecía encarrilado para o conxunto branco, pero apareceron de novo Robertson e Beliauskas para capitanear a reacción obradoirista. A igualdade mantívose ata os últimos minutos, cando apareceu a defensa madridista con Tavares á cabeza para frear calquera intento do Monbus Obradoiro en ataque. Finalmente, o equipo santiagués quedou co mel nos beizos e a vitoria foi para o Real Madrid.