A TXN estréase en Pontevedra e Ourense
Os mozos de Pontevedra e Ourense xa se poden beneficiar das vantaxes da Tarxeta Xente Nova. Desde este 15 de xuño, os menores de 21 anos poderán realizar un total de 60 viaxes interurbanas gratis ao mes nos servizos de transporte público dependentes da Xunta de Galicia.
Así o comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no acto no que participou esta mañá xunto a Javier Lorenzo, xerente da delegación de Pontevedra de Monbus, e Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, para presentar a campaña da Tarxeta Xente Nova que os autobuses de Monbus difundirán por toda Galicia durante os próximos meses.
No caso da capital pontevedresa, a área de implantación da Tarxeta Xente Nova estenderase por 13 concellos: Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama. Pola súa banda, en Ourense implantarase en toda a provincia.
Desta forma, estas dúas novas zonas únense ás Áreas de Transporte Metropolitano de Galicia (Lugo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo), nas que os viaxeiros xa podían gozar das vantaxes da Tarxeta Xente Nova.
Como conseguila?
Para a solicitude da Tarxeta Xente Nova, a persoa usuaria deberá pedir a súa cita en www.bus.gal e posteriormente acudir á oficina de ABANCA elixida para a súa tramitación.
Se a persoa solicitante é maior de idade só necesitará o seu DNI. No caso de ser menor de 18 anos, deberá ser a nai, pai ou titor legal quen realice a recollida achegando o seu DNI, o DNI do menor e o libro de familia. A tarxeta é gratuíta e recíbese no momento.
Unha vez tramitada, é necesario ter saldo na tarxeta para empezar a viaxar. A persoa usuaria debe cargar a súa tarxeta co importe que desexe. De aí irase descontando o prezo das viaxes que despois serán bonificados. Todas as viaxes interurbanas reembolsaranse cada 15 días nos caixeiros de Abanca, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.
A implantación deste sistema convértese tamén nun elemento máis para a promoción da mobilidade segura, xa que se evita o pago en efectivo e contribúese á sustentabilidade do sector do transporte.
Para máis información, as persoas viaxeiras poden realizar as súas consultas en www.bus.gal, enviando un correo electrónico a tmg@xunta.gal ou chamando ao teléfono 988 68 78 00.