Monbus, premio Galicia 2019 de RSE
Moitos anos coa responsabilidade social entre os eixos da súa actividade empresarial valéronlle a Monbus para recibir o recoñecemento da Xunta de Galicia co premio RSE Galicia 2019 na categoría de mediana empresa.
Conceptos como a igualdade, a sustentabilidade, o respecto ao medio ambiente ou o fomento do deporte e a cultura, acompañan a Monbus desde moito antes de que a idea de Responsabilidade Social Empresarial comezase a xeneralizarse.
Desta forma, ademais de distintos patrocinios deportivos, como o caso do Monbus Obradoiro da ACB, a empresa conta con importantes certificacións en materia de sustentabilidade. Este é o caso do selo Calculo-Reduzo, do Rexistro Nacional de Pegada de Carbono, promovido polo Ministerio de Medio Ambiente e ligado á consecución dunha redución obxectiva de emisións, acreditación que se logrou tras varios anos publicando as medicións na web ministerial e levando adiante unha política de renovación da súa frota de autobuses e fomento da condución eficiente entre os seus condutores.
Ten así mesmo outras certificacións estandarizadas que avalan unha adecuada xestión da seguridade, calidade, medio ambiente ou especificamente a responsabilidade social. As sociedades máis importantes do grupo están adheridas ao Pacto por unha Economía Circular impulsado pola Administración central, e contan coa norma que oficialmente recoñece o esforzo por un transporte público accesible para persoas con mobilidade reducida.
Especificamente, a Xunta, que outorgou o premio a Empresa Monforte, destacou entre as súas accións o desenvolvemento dun código de conduta e dunha canle responsable, a súa aposta por autocares eficientes, menos contaminantes, e a redución do consumo enerxético, así como a súa adhesión a un protocolo de paradas seguras. O Código Ético e de Conduta, unha nova iniciativa que implantou a compañía hai aproximadamente un ano, obriga a empregados, directivos e colaboradores a rexerse con absoluta profesionalidade, honestidade, compromiso social, respecto ao medio ambiente, calidade e eficiencia. Ao protocolo de paradas seguras foi unha das primeiras empresas en sumarse e fíxoo de maneira voluntaria coincidindo coa celebración hai un ano do Día Internacional da Muller.
Alba López, directora de Marketing, agradeceu a distinción e considerouna, non só un recoñecemento, "senón un aliciente para continuar apostando pola integración da RSE no noso modelo de negocio e ofrecer desta forma solucións de mobilidade centradas na calidade, a igualdade e a sustentabilidade". O presidente Raúl López e a propia Alba López recolleron o premio onte nun acto celebrado en Santiago de Compostela ao que asistiron tres conselleiros do Goberno autonómico: Fabiola García, Política Social; Rosa Quintana, Consellería do Mar, e Francisco Conde, titular da institución promotora destes premios, a Consellería de Economía, Emprego e Industria.