Río Natura Monbus será a nova denominación do Obradoiro na Liga Endesa
Durante a tarde de onte tivo lugar a xuntanza na que o Consello de Administración do club compostelán chegou o acordo co Grupo Leche Río S.A. e Castromil S.A., no que se estableceu que ambas as dúas empresas galegas compartan o patrocinio principal do club durante as vindeiras tres tempadas. Deste xeito, Leche Río releva a Blusens, pasando o equipo a denominarse Río Natura Monbus.
Esta mañá levouse a cabo a presentación do novo patrocinador do Obradoiro, no Hotel Monumento San Francisco de Compostela. Estiveron presentes o Conselleiro Delegado do Grupo Leche Río S.A., D. Jesús Lence; o presidente executivo de Castromil S.A. e presidente do Obradoiro CAB SAD D.Raúl López; o director xeral do Obradoiro CAB SAD D. José Luis Mateo e o técnico do equipo de baloncesto D. Moncho Fernández.
Houbo especial mención para os logros obtidos durante a etapa na que o Blusens foi o primeiro patrocinador da entidade galega. O director xeral do club sinalou que neste tempo “o equipo subiu da LEB, mantívose na ACB e escribiu a páxina máis gloriosa na historia do club”.
Pola súa parte D.Raúl López, pesidente do Club e de Monbus, fixo un chamamento ao texido empresarial galego para que aposte polo deporte e en particular polo club compostelán e solicitou o apoio da Administración Pública baixo a premisa “investir no Obradoiro é rendible, cabemos todos e necesitamos a todos”.
Un acto emotivo no que a ilusión, o optimismo de cara ao futuro e as palabras de agradecemento tiveron especial protagonismo.