O Monbus Obradoiro derrota ao BAXI Manresa
O Monbus Obradoiro alzouse cunha importante vitoria a domicilio (79-85) na cancha do BAXI Manresa. Un triunfo vital cun rival directo na clasificación que non soubo recuperarse dos seus erros co balón.
O partido empezou con Mike Daum adiantando ao Monbus Obradoiro. Á festa sumáronse Calloway, cun triplo, e Kravic, cun 2+1, para abrir a primeira brecha no marcador. Os locais buscaron en Ferrari ao seu revulsivo, aínda que o seu equipo non se recuperou completamente do golpe xa que o Obra seguiu por diante.
No segundo cuarto, o Monbus Obradoiro logrou a súa máxima diferenza con 13 puntos. O adestrador local, Pedro Martínez, pediu tempo morto para reorganizar aos seus xogadores conseguindo sacalos do letargo e empatar o partido grazas a un parcial de 16-3. Un triplo nos últimos segundos deixou o marcado a favor dos locais ao descanso (42-41).
O BAXI Manresa volveu ao partido máis conectado e da man de Toolson, logrou ampliar a súa vantaxe. Foi entón cando a defensa local comezou a perder fol, á vez que o Monbus Obradoiro melloraba a súa puntería. Un parcial de 2-15 volveu poñer aos composteláns á cabeza, pechando o cuarto cun favorable 62 a 68. Tras uns primeiros compases de arreón local, o Monbus Obradoiro aproveitou os erros do seu rival e sacou todo o mollo aos balóns perdidos dos manresanos. Na recta final Kravic erixiuse como o heroe anotador do Obradoiro para deixar sentenciado o partido e a terceira vitoria da tempada.