Épica vitoria do Monbus Obradoiro en Murcia
Difícil e importante vitoria do Monbus Obradoiro na pista do UCAM Murcia (90-95), conxunto ao que dobregou tras unha prórroga e un recital de triplos. O partido comezou infestado de erros en ataque, aínda que unha vez aberta a lata ambos os equipos iniciaron un duelo de triplos que se prolongou durante o primeiro cuarto.
O UCAM Murcia arrincou o segundo cuarto con maior acerto, aínda que o Monbus Obradoiro apertou en defensa e nunca perdeu a pista ao seu rival. Grazas a un gran Brodziansky, os composteláns chegaron ao descanso por diante (32-34).
Na continuación, a aposta polo triplo marcou o transcurso do partido. A anotación disparouse e o marcador favoreceu aos locais ao final do cuarto.
Apareceu entón a figura do pistoleiro Fletcher Magee. O escolta norteamericano anoto 5 dos seus 8 triplos nos dez minutos finais, decisivos na remontada do Monbus Obradoiro. Os murcianos nunca baixaron os brazos e lograron a igualada para forzar a prórroga.
No tempo extra, o Monbus Obradoiro impuxo o seu mellor defensa e ataque para levar a Santiago a súa primeira vitoria a domicilio da tempada.