O Monbus Obradoiro vende cara a súa derrota
A punto estivo o Monbus Obradoiro de cortar o refacho de imbatibilidade do Real Madrid nesta tempada da Liga Endesa. Os composteláns, minguados pola baixa de Kostas Vasileiadis, realizaron un encontro para enmarcar, resistindo ata os decisivos últimos cinco minutos nos que o conxunto branco acabou levándose o triunfo (76-83).
Durante o primeiro cuarto o pivote serbio Dejan Kravic lidero ao Obradoiro na súa ofensiva con 10 puntos. A isto sumouse unha boa defensa para que os xogadores visitantes non puidesen sentirse cómodos principalmente no tiro exterior.
O Monbus Obradoiro mandaba no marcador e a súa afección xa soñaba coa xesta. Foi entón cando a defensa branca sacou a súa mellor versión para frear aos obradoiristas. A explosión en ataque de Laprovittola lanzou ao Real Madrid no marcador antes do descanso (37 - 44).
No terceiro cuarto o Real Madrid chegou a ter unha vantaxe de 13 puntos, pero entón entrou en escena Mike Daum. A estelar aparición do americano paliou a sangría e as súas accións puxeron de novo ao Monbus Obradoiro por diante. O Real Madrid vía como se lle escapaba o triunfo e decidiu poñer toda a carne no asador. Campazzo, Llull e Rudy tiveron que achegar os seus galóns para cravar un parcial 0-12 nos últimos minutos que sentenciaron ao Monbus Obradoiro.