O Monbus Obradoiro suma a súa primeira vitoria
O Monbus Obradoiro conseguiu ante o RETABet Bilbao Basket o seu primeiro triunfo da tempada (98-96). Tras dúas prórrogas, o conxunto obradoirista fíxose finalmente coa vitoria nun final de infarto.
Arrincaron mellor o partido os visitantes, collendo unha vantaxe que Kostas Vasileiadis encargouse de neutralizar a base de triplos nun primeiro cuarto moi axustado (15-17).
Os bilbaínos volveron pisar o acelerador e aos poucos foron escapándose no marcador ata chegar a dispoñer dunha renda de dez puntos. Apareceu entón Fletcher Magee con tres triplos consecutivos que reduciron a diferenza antes de chegar ao descanso (38-41).
O refacho do estadounidense prolongouse no terceiro cuarto, con varias accións que levantaron á bancada do Multiusos Fontes do Sar e puxeron ao Monbus Obradoiro por diante no marcador (64-57).
Un intenso último parcial permitiulles aos biscaíños empatar o partido a seis minutos do final. O Monbus Obradoiro volveu responder e púxose de novo por diante. Nos instantes finais, dous tiros libres de Earl Calloway poñían o partido de fronte para o seu equipo, pero cun triplo practicamente sobre a bucina os visitantes mandaron o partido á prórroga (73-73).
No tempo extra, sucedéronse as accións nun e outro aro, aínda que o RETABet Bilbao Basket estivo máis acertado. O Monbus Obradoiro reaccionou para empatar o partido desde o tiro libre e o choque desembocou nunha segunda prórroga con mesmo guión pero cos papeis cambiados. Os obradoiristas mandaron en ataque e os bilbaínos remaron para contrarrestar a diferenza no marcador. Así, o Monbus Obradoiro chegou por diante á última xogada e grazas a unha boa defensa conseguiu certificar a primeira vitoria do curso.