Monbus pon rumbo á praia
O verán empezou e como é habitual nestas datas Monbus ofrecerá servizos especiais a distintas praias, tanto en Galicia como en Cataluña. Esta medida aforrará aos viaxeiros o gasto asociado a unha viaxe con vehículo particular, ademais da problemática de aparcar na costa en plena tempada alta.
Na comunidade galega, desde Ourense habilitouse unha liña os domingos e festivos que irá pasando polas praias de Sanxenxo, Portonovo, Montalvo e A Lanzada antes de chegar á Toxa. Outra opción desde a urbe ourensá ten como destino Samil (sábados, domingos e festivos), o mesmo areal ao que poden acudir os veciños de Verín e Xinzo (domingos e festivos). Nestes servizos, a ida e a volta serán no mesmo día e estarán en funcionamento ata o 1 de setembro.
Ademais de poder organizar as súas viaxes ao sur de Galicia desde varios puntos da comunidade, os viaxeiros tamén poderán moverse con facilidade a destinos tan coñecidos como Pontevedra, Sanxenxo, Portonovo ou Vilalonga grazas aos servizos regulares de Monbus.
Outro dos servizos destacados do verán volve un ano máis. O Grobus cumprirá o seu quinto aniversario como autobús turístico e referencia para os desprazamentos pola localidade do Grove tanto durante o día como pola noite.
Por último, se o plan de verán é coñecer os encantos do Camiño de Santiago, Monbus dispón de liñas regulares que permiten por unha banda realizar o epílogo ata Fisterra e Muxía tras a chegada á Praza do Obradoiro ou ben completar o último tramo do camiño francés empezando a aventura en Sarria.
Gozar do Mediterráneo
No caso de Cataluña, as alternativas serán numerosas para gozar do sol estival aos pés do Mediterráneo. No Prat de Llobregat está xa en funcionamento o servizo Platja Exprés que conecta o centro urbano coa praia do municipio durante as fins de semana e festivos de xuño, xullo e agosto.
A maiores desta iniciativa, habilitáronse servizos especiais con saídas desde Igualada e Manresa cara ás praias de Coma - Ruga, Sant Salvador, Calafell, Segur de Calafell ou Cunit. Os horarios pódense consultar na seguinte ligazón.
As liñas de longo percorrido con destino Salou e Barcelona tamén verán aumentadas as súas frecuencias para poder chegar á Costa Dourada con maior facilidade.
Calquera usuario que necesite utilizar os servizos de Monbus, pode solicitar a información por teléfono (982.29.29.00), email (info@monbus.es) ou a través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).