O Monbus Obradoiro seguirá na Liga Endesa
O Monbus Obradoiro asinou a súa continuidade na Liga Endesa unha tempada máis no seu duelo ante o Barça Lassa (63-83). A pesar da derrota ante os barcelonistas na última xornada do curso, o equipo compostelán asegurou a súa continuidade grazas ao tropezo do Delteco GBC ante o Real Madrid. O Monbus Obradoiro finaliza deste xeito a tempada regular na décimoquinta posición cun total de once vitorias.
Conscientes da importancia do partido, os xogadores obradoiristas saíron a por todas nun primeiro cuarto irresistible. Albert Sàbat e Kostas Vasileiadis castigaron desde o triplo ata que o Barça Lassa reaccionou para cortar o xogo dos locais (20-16).
Tras o parón, o conxunto azulgrana reactivouse en ataque e en defensa e iso permitiulle igualar o partido. O Monbus Obradoiro seguiu progresando no marcador cos triplos de Ben Simons e Andreas Obst, e foise ao descanso cunha mínima vantaxe (36-35).
No terceiro cuarto, o Barça Lassa pisou o acelerador en busca da vitoria. Os santiagueses, erráticos no tiro, viron como aos poucos o seu rival poñía terra polo medio no resultado (48-57).
Seguiuno tentando o equipo dirixido por Moncho Fernández reducindo distancias nos primeiros compases do último parcial, aínda que a alegría durou pouco nas bancadas de Sar. Os azulgranas apertaron para deixar todo sentenciado e, coñecedor do resultado en San Sebastián, o Monbus Obradoiro deixouse levar nos minutos finais. A afección celebrou unha esperada permanencia que permitirá ao Monbus Obradoiro cumprir a súa décima tempada na elite o curso que vén.