Monbus repite presenza este ano en Fitur
Despois de catro anos encargándose dos servizos de transporte dun gran número de grupos organizados ata o recinto de Fitur, Monbus preséntase de novo na Feira Internacional de Turismo, que se celebra entre o 28 de xaneiro e o 1 de febreiro en Ifema, Madrid.
Os asistentes ao evento poderán atoparse cun espectacular posto de Monbus, compartido co seu colaborador Interrías, e situado no Pavillón 8 C01. Nel exponse o modelo Comfort Class S 517 HD da prestixiosa marca de autobuses alemá Setra, ao que os visitantes poderán acceder para coñecer os seus acabados e todo o luxo de comodidades que garda no seu interior.
Neste espazo, Monbus abrirá ao público unha serie de despachos privados e mostradores nos que o persoal especializado da compañía expoñerá toda a información necesaria e atenderá as dúbidas dos interesados, e entregará dosieres informativos sobre os servizos discrecionais (aluguer de autobuses e coches con condutor) da empresa. Do mesmo modo, instalaranse pantallas onde se reproducirá material audiovisual corporativo e outros servizos contidos na renovada páxina web de Monbus.
Ademais, os convidados e contactos de Monbus que se acheguen a Fitur poderán gozar dun servizo de bar exclusivo no que se repartirán aperitivos e refrixerios como xamón ibérico recén cortado e serviranse bebidas para amenizar estas xornadas de interrelación. Este servizo non estará dispoñible para o público en xeral.