O Monbus Obradoiro leva o derbi galego
O Monbus Obradoiro impúxose ao Cafés Candelas Breogán (75-73) nun apaixonante derbi cargado de emoción ata o final. O conxunto dirixido por Moncho Fernández prolongou así o seu bo momento coa terceira vitoria consecutiva, a décima no global da tempada.
Nun Multiusos Fontes do Sar cheo ata a bandeira e tinguido de amarelo e azul cos aplaudidores de Monbus, a afección animou sen descanso desde o primeiro momento. Esa forza empuxou aos obradoiristas, que saíron a por todas no primeiro cuarto. Kostas Vasileiadis sobresaíu con dez puntos que permitiron ao Monbus Obradoiro mandar con comodidade no arranque (21-9).
Xa no segundo cuarto as forzas igualáronse. O Cafés Candelas Breogán conseguiu reducir distancias pero os triplos de Andreas Obst permitiron que o Monbus Obradoiro non cedese a iniciativa no marcador (33-29).
Tras o descanso, o conxunto obradoirista volveu con máis ganas. Vasileiadis apareceu desde o tiro exterior mentres Vladimir Brodziansky e Nacho Llovet dominaban por dentro. A vantaxe ampliouse e o partido parecía encamiñado cara a un triunfo local (59-50).
Neste tipo de encontros de máximo nivel, a esixencia é alta e ata o final todo pode pasar. O Monbus Obradoiro chegou a gozar dunha renda de 16 puntos que os visitantes neutralizaron ata empatar o partido no minuto final. Nese momento, emerxeu a figura de Andreas Obst para poñer por diante ao seu equipo grazas a unha gran xogada individual a falta de oito segundos para o final. Os breoganistas tiveron a última posesión para levar a vitoria pero fallaron e o derbi galego caeu ao lado do Monbus Obradoiro.