O Monbus Obradoiro fai historia en Valencia
O Monbus Obradoiro engadiu un novo fito á súa historia coa súa primeira vitoria na pista de Valencia Basket (87-94). O conxunto santiagués asaltou a Fonteta por primeira vez na Liga Endesa grazas a unha gran segunda parte na que tivo que remontar para levar o noveno triunfo da tempada.
Os locais saíron coa puntería afinada e iso permitiulles tomar a iniciativa nos primeiros instantes de partido. A resposta chegou da man de Simons e Hlinason, encargados de soster o ataque do seu equipo nuns minutos de pouco acerto (21-14).
Kostas Vasileiadis apareceu entón na súa mellor versión. O grego foi, xunto a David Navarro, o encargado de desmantelar a defensa valencianista para que o Monbus Obradoiro marcháse ao intermedio coas súas opcións intactas (46-39).
Á volta de vestiarios, o Valencia Basket saíu disposto a romper o partido pero o conxunto obradoirista non llo permitiu. Brodziansky enchufouse e Vasileiadis acompañouno nunha dupla atacante que aos poucos foi reducindo unha vantaxe que chegou a ser de doce puntos (68-64).
O propio Brodziansky abriu o último cuarto cun triplo que sementou as dúbidas no cadro local e igualou as forzas definitivamente. Primeiro Pepe Pozas e despois un triplo de David Navarro colocaron pouco despois por diante ao Monbus Obradoiro. O xogador catalán ampliou a distancia posteriormente cunha canastra case definitiva antes de que o partido resolvésese desde o tiro libre nos últimos compases.
Tras o parón pola Copa do Rei e as xanelas FIBA, o Monbus Obradoiro afrontará o seu seguinte compromiso o próximo 2 de marzo ás 18:00h no derbi galego ante o Cafés Candeas Breogán.