O Monbus Obradoiro vence ao Morabanc Andorra
O Monbus Obradoiro sumou un merecido e traballado triunfo ante Morabanc Andorra (69-68) nun partido que dominou pero no que sufriu demasiado para certificar a sexta vitoria da tempada.
O partido arrancou con intensidade defensiva e fallos en ataque. A mellor evidencia deste escenario foron os tres minutos que tardou en chegar a primeira canastra. Foi para os visitantes, pero a partir de ahí o Monbus Obradoiro colleu o mando e grazas a un acertado Kyle Singler tomou a dianteira no resultado (17-16).
Os puntos de Morabanc Andorra no inicio do segundo cuarto fixeron reaccionar a un Monbus Obradoiro que explotou o seu potencial desde a liña de tres puntos para volver a distanciarse antes do descanso (38-27).
Á volta de vestiarios, o Monbus Obradoiro seguiu na mesma liña. A boa defensa e o xogo interior dispararon aos locais no marcador cunha renta de 17 puntos a poucos minutos de entrar no derradeiro cuarto. O conxunto andorrano soubo reactivarse tras un tempo morto para xogárseo todo no tramo final (58-51).
A remontada visitante culminouse nos primeiros compases do último cuarto, o partido encamiñouse cara un desenlace con moita emoción. Nacho Llovet e Ben Simons aguantaron ao equipo en ataque nisos momentos de incertidumbre. Tras varias accións sen anotar nas dúas canastras foi Singler o que desfixo a igualdade para poñer ao seu equipo de novo por diante. A falta de tres segundos, o Monbus Obradoiro vencía por un punto. Os visitantes tiveron a última posesión para gañar o partido pero non entrou e a vitoria quedouse en Sar.