O Monbus Obradoiro cede ante o Barça Lassa
O Monbus Obradoiro estivo a piques de sorprender ao Barça Lassa na súa propia pista (79-73) tras un partido no que foi mellor durante varias fases do encontro. Os de Moncho Fernández ofreceron unha gran imaxe competindo ata o último momento por levar a vitoria.
O partido comezou cun Monbus Obradoiro enchufadísimo que tras tres triplos situouse cun parcial de 0-11 no marcador. O técnico local viuse forzado a pedir tempo morto para frear a sangría. O cadro catalán reaccionou e colocouse a só un punto dos composteláns (19 - 20).
No segundo cuarto os locais adiantáronse, non sen sufrir un goteo de triplos con selo galego. Tan só puideron poñerse cinco arriba ao finalizar a primeira metade (37 - 32).
Á volta do intermedio o Barça continuou metendo balóns dentro sen lograr romper o encontro. Un Andreas Obst en estado de graza (6/6 en triplos ao finalizar o partido) golpeaba como un mazo. Grazas a un "dous máis un’"de Vladimir Brodziansky, o Monbus Obradoiro púxose a tan só un punto nos compases finais do terceiro cuarto (60 - 59).
Dous triplos de Oriola e Hanga deron o impulso final ao Barça mediado o último cuarto pero non foi ata a aparición Heurtel que os cataláns colleron unha renda que xa sería definitiva. O Monbus Obradoiro non deixou de combater, pero a vantaxe era demasiado folgada e finalmente o encontro acabou con vitoria local.