O Monbus Obradoiro dobrega ao Estudantes
O Monbus Obradoiro logrou ante Movistar Estudiantes unha merecida vitoria (91-81), a quinta da tempada, tras un partido que controlou de principio a fin e que tivo un protagonista claro: Vladimir Brodziansky. O pivote eslovaco terminou o encontro con 27 puntos e 37 de valoración que lle serviron para ser nomeado como mellor xogador da xornada 12, sucedendo así ao seu compañeiro Kostas Vasileiadis que conseguira este recoñecemento na anterior xornada.
Volvía o Monbus Obradoiro a xogar ante a súa afección e as ganas de dar unha alegría quedaron patentes desde o primeiro momento. Con moita intensidade, o xogo dos locais permitiulles dominar os primeiros compases do partido (19-14).
O ritmo seguiu sendo alto no segundo cuarto. A defensa obradoirista foi a base para que despois o acerto desde o triplo rompese o partido en ataque. De tres en tres, Andreas Obst, Ben Simons e Kostas Vasileiadis permitiron ao seu equipo marcharse cunha ampla vantaxe ao descanso (46-30).
Sabedor de que quedaba moito por diante e que o seu rival non tiraría a toalla, o Monbus Obradoiro volveu de vestiarios co obxectivo de conter calquera intento de reacción. Os puntos de Vladimir Brodziansky e Nacho Llovet non só tiraron por terra as opcións visitantes de achegarse no resultado senón que fixeron que a vantaxe chegase mesmo a crecer (75-56).
Con todo, cando todo parecía encarrilado, Movistar Estudantes foise a por o partido sen nada que perder e ameazou a calma coa que o Fontes do Sar afrontaba o último tramo do encontro. O conxunto madrileño chegou a colocarse a só catro puntos no marcador, pero entón apareceu a mellor versión de Brodziansky para manter as distancias. A afección fixo o resto e levou polo aire ao seu equipo nuns minutos finais de alegría e goce.
O Monbus Obradoiro recibirá o vindeiro domingo ao BAXI Manresa a partir das 17:30 horas antes de pechar o 2018 en terras catalás o sábado 29 ás 18:00 horas ante o Barça Lassa.