O Monbus Obradoiro vence en Gran Canaria
O Monbus Obradoiro xa ten no seu poder a segunda vitoria da tempada tras impoñerse na pista do Herbalife Gran Canaria (92-93). O conxunto obradoirista non deixou de pelexar en ningún momento e acabou levándose con merecemento un importante triunfo ante un dos equipos punteiros da competición.
A primeira parte foi do Monbus Obradoiro. Con Kostas Vasileiadis inspirado no triplo, os de Moncho Fernández pronto puxeron terra polo medio no marcador. Nun momento de inspiración, os locais aínda tiveron tempo para reaccionar e recortar distancias ao final do primeiro cuarto (21-22).
As boas sensacións no xogo referendáronse no segundo parcial. O Monbus Obradoiro afogou ca súa defensa a un Herbalife Gran Canaria ao que só permitiu anotar nove puntos neste cuarto. O tiro exterior fixo o resto para marcharse cunha cómoda vantaxe ao descanso (30-45).
Con todo, tras o intermedio o conxunto local saíu disposto a darlle a volta ao partido e a base de acerto no tiro logrou rapidamente neutralizar a renda visitante. A pesar de todo, o Monbus Obradoiro mantívose no partido e non deixou de pelexar (60-55).
O inicio do último cuarto foi frenético. O Monbus Obradoiro saíu con forza e en poucos minutos logrou un parcial de 0-13 que parecía encarrilar o partido. O Herbalife Gran Canaria, pola súa banda, aferrouse aos triplos para seguir pelexando polo triunfo. Co encontro máis apertado que nunca, unha canastra de Clevin Hannah poñía por diante ao equipo canario, pero dous tiros libres de David Navarro mandaron o partido á prórroga (82-82).
O tempo extra foi unha sucesión de acertos desde a liña de tres puntos. O partido mantívose en todo momento na mesma tesitura de intensidade e igualdade ata que chegou o momento decisivo. Tras unha falta, Pepe Pozas anotou os dous tiros libres que poñían por diante ao Monbus Obradoiro. Quedaban unha última posesión para os canarios e Clevin Hannah buscou a canastra. Non contaba o base americano coa aparición dun estelar Vladimir Brodziansky que cortou maxistralmente o seu intento de encestar.
O tapón do pivote eslovaco certificou a vitoria e a alegría desbordouse nos xogadores dun Monbus Obradoiro que, tras varias tempadas sen conseguilo, sacouse a espiña de vencer nunha cancha de prestixio e ante un equipo que esta tempada debutará en Euroliga.