Servizos especiais para o San Froilán 2018
Monbus habilitará un servizo especial para as festas do San Froilán 2018 a través dos autobuses urbanos de Lugo. Este dispositivo terá como puntos principais a prolongación dos servizos de varias liñas ata a madrugada, así como a creación a maiores de dúas rutas nocturnas.
No relativo aos horarios, na véspera de festivos (4 e 11 de outubro) as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu percorrido habitual ata as 03:00 horas. Ao mesmo tempo, durante estes tres días as rutas especiais funcionarán desde as 22:00 horas ata as 03:00 horas.
No caso de sábados, domingos e festivos (5, 6, 7 e 12 de outubro) as liñas que circularán con servizos especiais serán a 3A, 4, 5 e 6. Todas elas ampliarán o seu percorrido habitual ata as 02:00 horas (ata as 03:00 horas no caso do sábado 6). Así mesmo, as rutas especiais estarán en funcionamento entre as 12:00 horas e as 02:00 horas.
Percorrido rutas especiais
As dúas liñas especiais que circularán durante os festexos terán como punto de saída e regreso a rúa Celso Emilio Ferreiro (enfronte do Gran Hotel). Ambas terán unha frecuencia de 30 minutos.
O itinerario da Ruta 1 transcorrerá por San Roque, Montero Ríos, Ronda das Fontiñas, Fonte da Bica, Estrada da Granxa, Afonso X O Sabio, Campos Novos, Agro da Torna, Avenida de Magoi e Pintor Corredoira antes de volver ao momento de partida.
Pola súa banda, a Ruta 2 circulará por San Roque, Rolda da Muralla, Avenida da Coruña, Alto de Garabolos, Avenida Paulo Fabio Máximo e Avenida Infanta Elena (CC As Termas). Na volta realizarase o mesmo percorrido á inversa ata abandonar a Rolda da Muralla para coller a Rúa Santiago e continuar por República Arxentina cara ao lugar de inicio.
Ademais, nun paso máis por evitar episodios de acoso sexual durante as festas do San Froilán, os autobuses urbanos incorporarán paradas antiacoso. Este sistema, que pode ser utilizado por calquera usuario que crea que existe algún perigo para a súa persoa, permitirá aos viaxeiros subir ao transporte urbano en calquera punto da ruta establecida. Da mesma forma, os usuarios poderán baixarse onde queiran, sempre sen desviar a ruta establecida para o autobús.
Con todos estes servizos, os usuarios poderán moverse con comodidade e coa única preocupación de poder pasalo en grande nos nove días de festa na cidade.