Cara a un transporte de primeiro nivel
O presidente de Monbus, Raúl López, aproveitou hoxe a súa intervención nas Xornadas de Contratación do Sector Público organizadas por UXT Galicia para demandar unha maior sensibilidade das administracións cara ao sector do transporte de viaxeiros no marco da nova lei de contratación pública.
Raúl López participou xunto a Elena Barba, Secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Consellería de Facenda; Ángel Córdoba, presidente de APROSER, e Diego Giráldez, secretario do Sindicato de Seguridade de FeSMC-UXT, nunha mesa redonda que tiña por título Lei de Contratos do Sector Público, análise dos axentes sociais.
O encontro, organizado pola Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo de UXT Galicia (FeSMC-UXT) baixo o título Xornadas de contratación no sector público, tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, e incluíu outra mesa de debate encabezada por Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda.
Na súa intervención, Raúl López salientou sobre os riscos intrínsecos ao sector do transporte e defendeu a necesidade de que existan empresas sólidas, xa sexan pequenas ou grandes, pero que oferten servizos de calidade.
Así mesmo, o dirixente denunciou que o escenario de crise económica dos últimos anos trouxo consigo unha precarización do sector que “levou a empresas pequenas ou sen posibilidades a asumir concesións tremendamente difíciles só pola necesidade de seguir no mercado”.
Demandou sensibilización por parte da Administración para alcanzar un transporte de primeiro nivel e á vez económico para os usuarios, o que se debe conseguir a través da realización de concursos públicos que protexan á súa vez tamén os intereses das empresas.