Os soños cúmprense na Zona Monbus
Na xornada 32 da Liga Endesa, o Monbus Obradoiro recibía no Fontes do Sar ao Real Betis Energía Plus. O conxunto santiagués impúxose con claridade aos sevillanos para goce da súa afección. Ademais de engadir unha vitoria máis a unha gran tempada, o partido serviu para que un grupo de nenos cumprise o seu soño.
Como integrantes da Zona Monbus, unha bancada reservada por Monbus para achegar o baloncesto e a práctica deportiva a diversos colectivos da sociedade galega, os mozos obradoiristas da Asociación Basketgal de Vigo tiveron a oportunidade de vivir algo moi especial. Todos eles puideron gozar dun circuíto polas instalacións do club, no que puideron coñecer aos seus ídolos e descubrir os segredos dun equipo profesional de baloncesto.
O primeiro recuncho exclusivo que visitaron foi o vestiario. Alí estábanlles esperando Moncho Fernández e Nick Spires para darlles unha sorpresa. Tras charlar co adestrador e o pivote do Monbus Obradoiro, dirixíronse cara á sala de prensa para coñecer a historia do club nunha presentación que terminou cunha divertida rolda de prensa: un dos pequenos converteuse en protagonista diante do micrófono e respondeu ás improvisadas preguntas dos seus compañeiros.
A continuación, puideron sentar no palco presidencial antes de acceder á tenda oficial do club situada na entrada ao complexo deportivo. Pero as sorpresas non terminaron aí. Aínda quedaba baixar á pista para ver de preto aos xogadores e facer a foto con todo o equipo antes do partido.
Mentres esperaban ese gran momento, recibiron a visita do presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, deixando tamén unha foto para o recordo. Con ganas de animar, situáronse rapidamente nos seus asentos da Zona Monbus e apoiaron sen cesar ao seu equipo. Os xogadores responderon e brindaron un novo triunfo nunha tarde emocionante.