O Monbus Obradoiro prolonga a súa boa racha
Unha vitoria máis e xa son catorce esta tempada. O Monbus Obradoiro conseguiu dobregar ao Real Betis Energía Plus (89-70) para prolongar o seu bo momento de forma cun novo triunfo ante a súa afección.
Foi Artem Pustovyi o primeiro en revolucionar ao público que se deu cita en Sar. O pivote ucraíno anotou o primeiros seis puntos do seu equipo no partido que inauguraban o tenteo dun cuarto moi igualado (19-18).
A continuación foron Alberto Corbacho e David Navarro os protagonistas. Cos seus triplos, o Monbus Obradoiro comezou a escaparse no marcador. De tres en tres, o segundo cuarto terminou cun parcial de 13-0 que poñía as cousas moi de fronte para os santiagueses (38-27).
Tras o descanso, o Monbus Obradoiro ofreceu a súa mellor versión ofensiva. Radovic anotaba por dentro, mentres que Ben Simons e Matt Thomas insistían por fóra. O acerto no tiro e a boa defensa fixeron que os de Moncho Fernández ampliasen a vantaxe ata os 28 puntos (71-43).
Aínda que o partido podía parecer resolto, o conxunto obradoirista non baixou a intensidade e seguiu buscando o aro con insistencia. Os visitantes tamén se foron ao ataque para recortar diferenzas e maquillar o resultado. No tramo final, a afección obradoirista recibiu unha nova alegría coa entrada do xogador do filial, Rodrigo Gómez, que foi recibido cunha ovación no seu debut na pista do Fontes de Sar.
Nos seus dous últimos compromisos ligueiros, o Monbus Obradoiro viaxará a terras canarias para enfrontarse ao Iberostar Tenerife (sábado 19 ás 20 horas) e terminará a tempada recibindo ao Kirolbet Baskonia (xoves 24 ás 20:30 horas).