O Monbus Obradoiro sela a permanencia
O Monbus Obradoiro seguirá unha tempada máis na Liga Endesa tras derrotar ao RETABet Bilbao Basket (70-69) nunha tarde máxica no Multiusos Fontes do Sar. Un triplo de Albert Sàbat nos últimos segundos do partido certificou a vitoria e a permanencia de forma matemática.
Co obxectivo entre cella e cella, o Monbus Obradoiro saltou á pista para enfrontarse a un rival que se xogaba a vida. Os bilbaínos marcaron o ritmo durante o primeiro cuarto e a resistencia local chegou por parte de Matt Thomas e Artem Pustovyi (15-20).
Sen tempo para a relaxación, o conxunto vasco saíu decidido a dar un golpe sobre a mesa. A férrea defensa visitante desactivou o xogo obradoirista e tan só permitiu que os santiagueses anotasen cinco puntos no segundo cuarto. Con eses números na retagarda e o acerto no triplo, a diferenza no marcador foise aos 17 puntos ao descanso (20-37).
Á volta de vestiarios, o Monbus Obradoiro activouse e aos poucos foise enganchando de novo ao encontro. A mellora, tanto en ataque como en defensa, fixo que a vantaxe se fose reducindo ata que a entrada de Alberto Corbacho prendeu a mecha. O mallorquino acendeu á bancada con dous triplos e puxo ao seu equipo en disposición de asinar unha épica remontada (48-50).
O bo momento do Monbus Obradoiro prolongouse durante os primeiros minutos do último cuarto. Dous mates practicamente seguidos de Nick Spires espolearon a unha afección que sempre creu nos seus. De tres en tres, o RETABet Bilbao Basket mantivo o partido nun pano. A posibilidade dunha nova prórroga estivo presente nun igualado último tramo. As probabilidades dun novo tempo extra parecían máis reais cando, a falta de cinco segundos para o final, a escuadra bilbaína púxose dous puntos por encima.
Quedaba unha xogada. O taboleiro de Moncho Fernández trazouna e os Albertos executárona. Sàbat para Corbacho e Corbacho para Sàbat. O base catalán lanzou desde oito metros e o balón acabou entrando para traer a éxtase a Sar. A vitoria e o obxectivo quedaron esta vez na casa. As sete campañas consecutivas do Monbus Obradoiro na Liga Endesa serán xa oito a próxima tempada.