Dispositivo especial na Copa do Rei
O pasado 21 de abril, o barcelonismo engadiu unha noite máxica máis á súa longa historia de éxitos. En Madrid e co Wanda Metropolitano como testemuña de excepción, o FC Barcelona conquistou a súa trixésima Copa do ReI tras derrotar na final ao Sevilla FC por 5 goles a 0 con Iniesta, Messi e Luís Suárez como líderes da goleada.
O equipo dirixido por Ernesto Valverde ofreceu unha actuación memorable que fixo gozar aos preto de 24.000 seguidores culés que non quixeron perderse un espectáculo futbolístico dese calibre.
Monbus tampouco quixo faltar á cita e preparou un dispositivo especial para mobilizar á marea azulgrana tanto na súa viaxe cara á capital como no seu desprazamento polos puntos estratéxicos da cidade durante todo o día.
A afección barcelonista que partía de Cataluña concentrouse no Camp Nou para saír en masa. Desde Barcelona saíron na madrugada do sábado vinte autobuses, aos que se uniron máis expedicións con orixe desde Tarragona, Xirona e Lleida. Con Monbus comezaba o camiño cara á conquista do cuarto trofeo copeiro consecutivo.
A maiores, habilitouse un servizo de lanzadeiras desde IFEMA, lugar no que os afeccionados tiñan que pasar a recoller as súas entradas para a final, ata a Fan Zone situada moi preto do Wanda Metropolitano. Máis de 20.000 persoas utilizaron este operativo especial ofrecido por Monbus para facilitar o seu desprazamento entre as dúas localizacións.
O ritmo foi frenético durante toda a xornada e o resultado ao final do partido acompañou. Na viaxe de volta, só había un obxectivo: celebrar o título ao grande.