O Monbus Obradoiro cede ante o líder
Na súa visita ao Wizink Center, o Monbus Obradoiro caeu ante o Real Madrid (78-65) nun partido no que o conxunto santiagués foi de máis a menos. As sensacións ante o líder da Liga Endesa foron boas pero a falta de acerto acabou lastrando as opcións de conseguir o triunfo.
O Monbus Obradoiro arrincou o encontro con máis ritmo e intensidade. Nun excepcional inicio, os de Moncho Fernández chegaron a gozar dunha vantaxe de dez puntos que nos últimos minutos do primeiro cuarto quedou neutralizada tras encaixar un parcial de 11-0 co que os madridistas voltearon o marcador (19-18).
No medio do auxe branco, Nick Spires e Radovic mantiveron o encontro igualado nos primeiros compases do segundo acto. O xogo interior do Real Madrid marcou territorio e o xogo empezou a romper. Corbacho apareceu desde o triplo e o partido quedou aberto para a segunda parte (40-32).
O paso polos vestiarios pareceu estimular ao Monbus Obradoiro a teor do triplo co que Eimantas Bendzius inaugurou o terceiro cuarto. Con todo, a maquinaria madridista non llo ía a permitir e pronto empezou a carburar para evitar o achegamento obradoirista no resultado. Luka Doncic e Jaycee Carroll saíron a escena para mostrar todo o seu repertorio ofensivo e practicamente sentenciar o partido (62-42).
Tirando de orgullo, o Monbus Obradoiro apertou no último cuarto. Tras un intercambio de canastras, os santiagueses endosáronlle un parcial de 0-10 ao seu rival para achegarse no marcador e traer o nerviosismo á bancada branca. O Real Madrid volveu entón a pisar o acelerador para evitar preocupacións e pechou a vitoria con tranquilidade.
O esforzo final non foi suficiente pero demostrou o carácter competitivo dun equipo que este mércores volve á pista para enfrontarse a Unicaja. A cita disputarase no Multiusos Fontes do Sar a partir das 20:30 horas.