Os lugueses, moi satisfeitos co transporte urbano da cidade
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo elaborou unha enquisa, realizada pola empresa Temosnet Consulting, para avaliar o nivel de satisfacción dos usuarios co servizo de transporte urbano da cidade, ofrecido por Monbus. A sensación entre os usuarios enquisados é de satisfacción, puntuando o servizo de transporte urbano cun 7’23 sobre 10. Entre os factores máis valorados polos pasaxeiros destacan a amabilidade dos condutores e a limpeza dos autocares, así coma a temperatura e mobiliario dos mesmos.
Os datos que bota este cuestionario amosan que, o 75% dos enquisados, se declaran usuarios habituais do transporte urbano de Lugo. Destes, case o 60% emprega este servizo para desprazarse da casa ao centro de traballo ou estudos e viceversa. No tocante ao tipo de pasaxeiro, o 43’5% viaxa con billete ordinario, fronte ao 41’7% que o fai con bono transporte, sendo o 5% pensionistas ou persoas da terceira idade, e o 4’3%, universitarios.
As liñas máis empregadas polos veciños de Lugo entre a oferta de transporte urbano son a liña 7, que realiza o traxecto entre As Gándaras e o Campus Universitario; a 9A, que conecta o Polígono Industrial de O Ceao con Praza do Rei e San Roque; e a liña 1, que vertebra a cidade, saíndo do Campus Universitario e con destino na Piringalla.
Para elaborar esta enquisa, realizada en abril de 2014, dende Temosnet Consulting elaboraron una mostra poboacional de 500 persoas entre os habitantes da cidade. Os resultados fixéronse públicos a segunda semana de xullo de 2014, coincidindo cunha enquisa do INE que revela que o uso do autobús aumentou en Galiza un 2’2% con respecto ao 2013.