Triunfo do Monbus Obradoiro sobre a bucina
Tarde de moitas emocións a vivida o sábado no Multiusos Fontes do Sar. Nun partido de moito contacto, o Monbus Obradoiro derrotou na prórroga ao UCAM Murcia (70-68) grazas a unha máxica canastra de Matt Thomas no último segundo.
A décima vitoria da tempada comezou a fraguarse cunha gran defensa. Pustovyi púxose o mono de taponador e Bendzius tirou do carro en ataque durante un primeiro cuarto no que o Monbus Obradoiro só permitiu anotar seis puntos ao conxunto murciano (13-6).
Un alley oop do propio Pustovyi e un triplo de Matt Thomas levantaron ao público no inicio do segundo cuarto, xusto antes de que os visitantes lograsen cambiar a dinámica do encontro para darlle a volta ao resultado e marcharse así cunha vantaxe de catro puntos ao descanso (22-26).
A modo de batalla, o partido seguiu polos mesmo camiños de intensidade e garra á volta de vestiarios. O Monbus Obradoiro prolongou a súa guerra nas zonas e, con escintileos desde o perímetro de Albert Sabat, contivo as arremetidas dos visitantes no marcador (41-44).
Os locais continuaron na procura da súa mellor versión no último cuarto. Un parcial de 10-0 nos primeiros minutos reforzou este argumento. Con todo, o bo arranque non facía presaxiar o dramático final. O Monbus Obradoiro defendeu o último ataque visitante con uñas e dentes pero, tras varios rebotes ofensivos, o UCAM Murcia acertou para mandar o partido á prórroga (57-57).
Radovic converteuse, entón, na referencia ofensiva que mantivo no partido ao Monbus Obradoiro. Aínda que o verdadeiro protagonista estaba aínda por saír a escena para a traca final. Co resultado empatado a quince segundos para o final, o Monbus Obradoiro tivo a última posesión. A libreta de Moncho Fernández trazou unha xogada que acabou co balón nas mans de Matt Thomas. O americano xogou con mestría e, no último suspiro, fixo explotar a ‘ Caldeira’ de Sar cun lanzamento imposible que facía fincar o xeonllo ao conxunto murciano e deixaba na casa a décima vitoria da tempada (70-68).