O Obradoiro plántalle cara ao Real Madrid
Esperábase un partidazo entre o Monbus Obradoiro e o Real Madrid no Multiusos Fontes do Sar, e así foi. Récord de triplas da Liga Endesa, nada máis nin nada menos que 36. O marcador acabou polas nubes, (93 - 102).
A xesta do Obra non puido ser, derrota ante os seus, a primeira en casa da tempada, mais con honra. Os composteláns non se amilanaron ante o líder da competición.
O Real Madrid empezou o partido con maior intensidade. Thompkins e Campazzo anotaron as primeiras triplas. O Obra non se quedou atrás e foi de menos a máis, grazas a unha tripla de Simons púxose 5 puntos arriba (21 - 16).
O segundo cuarto foi outro cantar. Carroll converteuse nunha auténtica besta negra para os composteláns rompendo o encontro. A vantaxe madridista disparouse ata os 19 puntos (30 - 49).
Tras o descanso, os xogadores de Moncho Fernández volveron centrados en ataque e marcáronse un parcial de 8 - 0. Bendzius acortaba distancias e con dúas triplas seguidas nos últimos momentos deixou o luminoso (67 - 76).
O Obra non se rendía intentando repoñerse do aciago segundo cuarto con unllas e dentes. No outro lado da cancha, os madridistas loitaban por volver romper o partido. A tan só catro minutos, Bendzius fallou unha tripla crucial, situaría ao Monbus Obradoiro a tan só 1 punto. Tras esta oportunidade perdida o soño da vitoria compostelá resquebraxouse a toda velocidade. Primeiro con 2 triplas de Rudy e de Taylor e para acabar dúas canastras do incombustible Felipe Reyes, o partido estaba sentenciado.