O Monbus Obradoiro derrota ao UCAM Murcia
Nova vitoria como visitante do Monbus Obradoiro, esta vez tocoulle sufrir ante os seus ao UCAM Murcia e ademais co final de infarto (60 - 62). Con esta vitoria o Obradoiro CAB logra un novo récord ao conseguir o seu mellor arranque histórico na ACB.
O primeiro tempo empezou con ambos equipos atrancados en ataque, cando xa transcurriran cinco minutos, o marcador tan so mostraba 3 - 5. O partido caracterizouse pola falta de acerto provocada polas boas defensas de ambos equipos. O Monbus aproveitou a falta de ideas inicial do UCAM para abrir brecha (7-16), curiosamente o cuarto pechouse cunha tripla dos murcianos tras levar na súa conta tan so 1 de 9, quedando o partido (10 - 16).
O segundo período continuou coa mesma dinámica, tan so 0-2 de parcial en tres minutos e medio. Entón chegaron 10 puntos do UCAM que deron o espaldarazo aos de Ibon Navarro, retomando o liderato do encontro (22 - 20). Pero, como é xa habitual no Obradoiro, apareceu Matt Thomas para apagar o lume anotando nove puntos practicamente seguidos. Ambos equipos retiráronse ao descanso co Obra 3 puntos por diante e todo por decidir na segunda metade (27 - 30).
No terceiro tempo, os de Moncho Fernández sairon coa iniciativa atacante mentres que os murcianos atrincheráronse esperando beneficiarse dos erros do rival. Non lles saiu ben a estratexia e o Obradoiro foi acrecentando a súa diferenza, 31-37 e por 37-44, pero unha vez máis o Murcia remontou o vóo e o cuarto pechouse (42-44).
O último cuarto foi unha dura batalla por alzarse ca vitoria, pero ambas forzas estaban totalmente igualadas. Entón chegou David Navarro para levarse o protagonismo do partido, ao veterán xogador non lle puideron os nervios e marcouse unha xogada antolóxica rematada por un mate ao límite do tempo. Xa non había para máis e os composteláns lanzáronse a celebrar ante un decepcionado Murcia.