O Monbus Obradoiro álzase coa Copa Galicia
O Monbus Obradoiro álzase por oitava vez consecutiva coa Copa Galicia nun encontro moi rifado co Café Candelas Breogán (75-71) no pavillón marinense da Raña.
No primeiro tempo, os lucenses non fixeron sentirse cómodos aos de Moncho Fernández, situándose por diante do marcador cun parcial de 0-6 nos minutos iniciais. Unha boa actividade defensiva do conxunto lugués faría que os composteláns lograsen todos os seus puntos cos xogadores interiores fóra dun triplo de Matt Thomas.
O acerto exterior aumentou de forma notable en ambos os equipos durante o segundo cuarto. Por un momento o Café Candeas Breogán distanciouse do Monbus Obradoiro logrando unha marxe de 6 puntos, pero finalmente o Obra viuse levantado no marcador grazas aos cruciais triplos de Simons e Corbacho, pechando o segundo cuarto cunha vantaxe de dous puntos.
Tras a volta dos vestiarios, o Breogán impúxose de novo grazas a un parcial (0-9), situándose outra vez por diante dos de Moncho Fernández. O ?Alquimista? optou por poñer a David Navarro á fronte do equipo para afrontar os minutos decisivos, obtendo como resposta a mellora no nivel defensivo e comezando a remontada.
No último cuarto, o barcelonés Nacho Llovet asumiu o protagonismo e cos seus galóns de veterano. O Breogán foi perdendo fol grazas á intensa actividade dos composteláns e o rumbo do encontro volveuse incerto. Os triplos de Thomas conseguiron establecer o empate a 69 no luminoso ao límite do partido, serían o acerto nos tiros libres os que darían a vitoria ao Monbus Obradoiro, para proclamarse gañador da Copa Galicia un ano máis.