O Concello de Pontevedra, Monbus e Rías Baixas presentan un cartel informativo que se colocará nas marquesiñas para fomentar o transporte público
O concelleiro de Transportes do Concello de Pontevedra e representantes das empresas concesionarias Monbus e Rías Baixas, presentaron no día de hoxe un completo cartel informativo que se instalará nas marquesiñas de cristal das paradas de autobús da cidade. O obxectivo é fomentar o uso deste medio para paliar o declive que ven sufrindo dende fai uns anos, e para iso, planificáronse unha serie de medidas que buscan principalmente mellorar a información ofrecida ao usuario.
Este cartel recolle indicacións sobre as 17 liñas que pasan a diario polo casco urbano, a situación do medio centenar de paradas existentes, as frecuencias aproximadas de paso, un rueiro urbano e unha ampla listaxe telefónica dos servizos de emerxencia ou as estacións de autobuses. Outra parte do panel inclúe consellos sobre hábitos saudables e información sobre os distintos medios de transporte que os cidadáns poden empregar.
Cabe destacar a previsión doutras iniciativas para desenvolver a medio e longo prazo, como pode ser a posibilidade de chegar a algún acordo cos comerciantes da zona monumental para reducir o prezo dos billetes ou a dixitalización dos paneis das paradas con máis uso, que permitirían amosar ao usuario a información en tempo real.