O Obradoiro acaba co Bilbao Basket
O Rio Natura Monbus Obradoiro aférrase á Liga Endesa cunha nova vitoria (85 - 90) fronte a un gran rival. A derrota do RETAbet Bilbao Basket non puido ser máis amarga para os seus, en casa e quedando fora dos postos de playoff cando crían que xa estaba feito.
O Obradoiro serviuse das grandes actuacións de Dulkys (20 puntos) e de Whittington (17 puntos e 7 rebotes) e un impresionante último parcial (18 - 31) coa tripla determinante de Santi Yusta nos derradeiros segundos.
Durante a primeira parte os de Moncho Fernández sentíanse cómodos dende a liña de tres e fixéronllelo saber ao rival anotando nove triplas. O Bilbao non lles perdeu a pista grazas a Tabu e Todorovic, pero sobre todo grazas ás numerosas perdas de balón dos composteláns (15). Os vascos fóronse tres arriba ao descanso (44 - 41).
O terceiro tempo empezou coma o fixera o partido, intercambio de triplas e ámbolos equipos tratándose de ti a ti. Entón chegou un parcial de (9 - 0) dos locais que a punto estiveron de romper o partido (67-59).
Unha vez máis e xa van unhas cantas, o Rio Natura Monbus tirou de épica, de casta, de raza, dunha forza interior que move montañas para levarse o último cuarto e a vitoria. A defensa volveu ser infranqueable e o tiro exterior esta vez acertadísimo. A tan só un minuto empataron o encontro con dous tiros libres dun maxistral McConnell. O Obra pechou filas, recuperou o balón e Santi Yusta soltou o pulso anotando a tripla que silenciou ao Bilbao Arena a tan só 47 segundos do final (85 - 89). O despregamento defensivo continuou firme para frustración local. Artem Pustovyi soubo sacar proveito da última posesión anotando o tiro libre que deixaba o marcador no (85 - 90) definitivo.