O Obradoiro vence ao Real Madrid
O Rio Natura Monbus Obradoiro píntalle a cara ao equipo con maior orzamento da Liga Endesa, o todopoderoso Real Madrid. O mellor Obra en moito tempo marcouse un partido que irá directo á hemeroteca, o seu esforzo e entrega deron como resultado o (90 - 83) definitivo. Pola súa banda, o Real Madrid non puido asaltar de novo o Multiusos Fontes do Sar e ve como se lle afasta o primeiro posto da ACB.
Volveu o Obra que sorprende a propios e estraños, nunha primeira parte inédita nesta tempada, o equipo de Moncho Fernández anotou 21 puntos en dez minutos co pivote Artem Pustovyi destacado baixo o aro e mostrando unha soltura descoñecida desde o triplo (2/3). O Madrid non perdeu o tempo e co seu dúo de killers en estado de graza, finalizou o primeiro período con (21 - 28). Doncic e Llull sumaron 19 puntos mentres que o resto do seu equipo apenas sumou 9.
A segunda parte estivo marcada polo descanso da letal parella madridista, producindo un notable descenso no seu equipo que permitiu ao Obra manterse á vez no marcador. Grazas a unha férrea defensa, o Obradoiro construíu o seu xogo en torno ao contraataque logrando irse ao descanso tan só un punto por baixo (37- 38).
A segunda metade foi outro cantar, un Obradoiro envalentonado pola forza coa que empuxaba Sar, realizou un terceiro tempo doutra galaxia. A euforia levounos a meter sete triplos seguidos sen erro, só interrompidos por unha canastra dobre de McConnell. Unha pequena vía de auga abriuse no marcador e acabaría por afundir ao Madrid. O terceiro acto acabou cun esperanzador (68 - 62).
No cuarto e definitivo tempo, os heroes do anterior baleiráronse e necesitaban un merecido repouso, tras o que o partido se transformou nun apaixonante duelo que se resolveu cos tiros libres. A falta de dous minutos o letal Sergio Llull adiantou aos seus cun tiple (79 - 80). Pero o Obra non se intimidou e seguiu loitando como tantas outras veces. Con corpo e alma realizaron unha defensa que podería saír nos libros de historia. Os xogadores dun Real Madrid acosado, non lograban acertar ao aro arriscando con tiros de 3. O equipo local sacou petróleo dos erros do rival facéndose con cada rebote e sentenciando o encontro ao contraataque. Co asubío final o luminoso marcaba (90 - 83), Sar vitoreaba como nunca e os xogadores entregáronse ao seu público.